“Nada nos limita.
Podemos cantar fóra de ton.
Podemos samplear a Tchaikovsky.
Podemos falar de cordóns de zapatos se queremos…”
Con esta cita do documental “Looking For The Perfect Beat”, comeza “Somos Hip-Hop. Fudamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox”, de Pablo Castiñeira Olveira e David Brey Vázquez. Toda unha declaración de intencións que pon o foco na versatilidade e canle de liberdade que supón este movemento.
Mentres a comunidade estadounidense da década de 1970 vibraba coa música funk e disco nos clubs de moda dos barrios ricos da cidade, algo máxico estaba a piques de suceder nos guetos, onde comezaba a xerminar un novo movemento sociocultural, artístico, reivindicativo e transgresor que en poucos anos chegaría a todos os recunchos do planeta… Falamos do movemento hip-hop, composto polos seus cinco elementos: breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox.
A través deste libro, descubrirás a orixe, trucos e segredos de cada unha das cinco disciplinas, perfectamente ilustradas cunha ampla colección de imaxes orixinais que te trasladarán á perefiferia da cidade que nunca dorme, Nova York. A través deste percorrido, as lectoras accederán a diversos glosarios de termos específicos e tamén exercicios prácticos para aprender as técnicas fundamentais de cada unha delas.
Este libro contén contidos exclusivos de realidade aumentada que poden escanearse utilizando a APP “veAR”.