Close
Rúa Colombia 15200 Noia (A Coruña)

Entrevista ao ilustrador DocToy

Entrevista ao ilustrador DocToy

Que relación tes co mundo do hip-hop?

Mentres crecía fun vendo na miña cidade as xuntadas da comunidade hiphop. No parque, na cancha, nas escaleiras do instituto… por todas partes había alguén rapeando, facendo beatbox, adestrando pasos de break, pinchando ou pintando graffiti. Pouco a pouco fun adentrándome nese universo, facendo amigos e amigas, con moitas viaxes incribles vivindo historias tolas de todo tipo… Agora, case 25 anos despois, para min é un código, un xeito de facer as cousas, unha comunidade a nivel mundial que considero familia.

Como foi o proceso de ilustrar un libro como “Somos Hip-Hop?

Longo, jaja, longo pero moi enriquecedor. As primeiras versións que fixemos non se parecían en nada ao libro actual. Traballamos durante un ano no primeiro concepto, e en total estendeuse case un ano mais. Durante o proceso creamos e movemos todos os contidos, ata chegamos a cambiar seccións completas! Cociñamos o libro dándolle forma segundo o que ía pedindo, como se fai na cociña galega… por iso foi un proceso moi especial, de moita investigación e maxia. Cando avanzaba nunhas ilustracións xurdían novas ideas, e coas novas ideas máis e máis traballo gráfico! Apréndese moito de traballos tan longos, e da tempo a poñer en práctica o que se aprende. E con máis de 13000 capas no programa de edición imaxínate.. Pretendía compoñer un libro con tantos detalles que invitase a relelo unha e outra vez, atopando con cada ollada novos segredos. Penso que o resultado é un libro cheo de cor e ideas, e tamén moi minucioso nos contidos.

Cando debuxas, escoitas música para inspirarte? Se é o caso, que música escoitas?

Cada estilo musical provoca unha resposta diferente. Se quero inspiración busco algo tranquilo e melódico, sen voces nin moita distracción. Cando xa teño clara a idea e quero mais intensidade busco música máis rítmica e potente. Hai veces que é música hiphop, hai veces que é música folclórica, ou electrónica…hai de todo nos meus cascos! Esta variedade de músicas me serve para estimularme ou manterme inspirado no meu traballo. Pero non sempre, hai días, ou traballos concretos, nos que o silencio é a mellor compañía, e durante horas quedo calado e coa música apagada. Eses ratos son momentos de claridade que tamén valoro moito.

Por que lle chamastes ” Somos Hip-Hop” á vosa obra?

Buscamos nomes e nomes de todo tipo durante moito tempo. Queríamos algo moi ilustrativo pero que fose claro e sinxelo. Lémbrome nunha época que facíamos listas de posibles títulos, con votacións e clasificación… Ao final consultamos un oráculo e chegounos ese nome… en canto o dixemos en voz alta estivemos seguros que era o ideal. É un título aberto e respectuoso con todo o mundo, sen distincións por xénero, idade, especialidade ou nivel… así como entendemos nós o mundo hiphop. Como anécdota contareiche que había outro nome que a min me gustaba moito. Eu quería chamalo ” Filloa HipHop ” hahahaha! Menos mal que nunca o eliximos…

A que público recomendarías este libro e por que?

É un libro moi versátil, que ten moitos niveis de lectura. Foi pensado para moitos tipos de persoas, desde adolescentes que buscan aprender e practicar algunha disciplina do universo hiphop, ata coleccionistas amantes de contidos exclusivos. Para alguén que nunca escoitou falar de hiphop é un libro sinxelo co que aprender unhas pinceladas desta cultura. Para alguén que xa sabe un pouco de que vai o conto é un libro co que descubrir novos segredos do hiphop e pulir as súas destrezas. E aínda os máis veteranos van poder afondar cos rigorosos contidos que preparamos… sempre se pode aprender algo novo!

Poderías definir o libro en 3 palabras?

Orgullo, Calidade, Familia.